lunes, 17 de diciembre de 2012

"Adiós ríos, adiós fontes..."


Adiós ríos, adiós fontes,
adiós regatos pequenos,
adiós vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que plantei.

Prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiñas do meu contento.

Muiño dos castañares,
noites craras do luar,
campaniñas timbradoras,
da igresiña do lugar.

Amoriñas das silveiras,
que eu lle daba o meu amor,
camiñiños antre o millo,
adiós para sempre, adiós.

¡Adiós groria, adiós contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo,
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por extraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero, 
¡quén poidera non deixar!

Adiós, adiós que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que me criou.

...................

Recollido da obra Cantares Gallegos. Rosalía de Castro (1837-1885) publicada en 1863.

No hay comentarios:

Publicar un comentario